UNHA NOVA BIBLIOTECA
A biblioteca do CEIP de Sestelo-Baión, desde hai tempo, viña precisando dunha reforma profunda que a convertise nun servizo útil para toda a comunidade educativa.
No verán do ano 2011 a biblioteca foi trasladada á planta superior pois necesitouse crear unha nova unidade de ensino infantil no piso inferior e non había outro lugar dispoñible. O novo espazo era unha aula ordinaria que non se axustaba aos requisitos técnicos dunha biblioteca. Sobraban percheiros e armarios empotrados e faltaban paredes para estanterías. Pero aínda así, despois do traslado de mobles e libros, a biblioteca comezou a funcionar.
Foron anos nos que se impulsou o empréstimo de libros, pero tamén a difusión a través das novas tecnoloxías. Algunhas actividades como o concurso de detectives "La mano negra" tiveron moi boa acollida entre o alumnado. Tamén levamos a cabo contacontos e outros eventos culturais fóra do horario lectivo, invitando ás familias a participar.
Pero, a finais do curso 2017-2018, entre os docentes comezou a nacer a idea dun novo espazo máis amplo e máis funcional, un lugar onde se combinasen diferentes usos educativos, non só a lectura e a consulta, senón tamén actividades cooperativas, elaboración de materiais, traballos maker, xogos, etc.
O equipo directivo asumiu o liderado do proxecto e impulsou as reformas necesarias para dotar a biblioteca dun espazo renovado, acolledor e funcional. Derrubouse parte dun tabique logrando así unha sala de 20 metros de longo. As reformas tamén incluíron novo mobiliario e pavimento. A cooperación das familias tamén foi fundamental.
A incorporación do centro ao PLAMBE foi outro aliciente máis para continuar neste proceso de actualización e mellora dun servizo que resulta esencial para o proxecto educativo do noso centro.
A REFORMA
A biblioteca, no espazo que ocupaba ata o ano 2018.
No tempo de recreo todos querían coñecer o novo desafío do concurso de detectives.
As tardes de historias foi unha iniciativa para dinamizar a biblioteca fóra do horario lectivo.